Kyoki
Elefante Elegante
Kyoki é un espectáculo sen palabras, para todas as idades, que trata sobre esquecemento, vellez e soidade. O título, que significa demencia en xaponés, céntrase na dificultade de recordar, pensar ou decidir. A historia, a través de tres personaxes, unha avoa, a súa filla e unha doutora, mostra as experiencias tanto das persoas que coidan como das coidadas.
A través da linguaxe xestual e da interacción co escenario, o espectáculo crea un universo cómico e poético, viaxando da realidade á esaxeración da vida cotiá. A actriz protagonista utiliza a manipulación de obxectos e a sintonía coa música orixinal para expresar desexos, sentimentos e estados dramáticos, coa imaxe como protagonista.
Espectáculo subvencionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais
Co apoio dos concellos de Arteixo, Culleredo e Carral
- A partir de 5 anos
- Xestual
- 45 minutos
- Autoría María Torres e Gonçalo Guerreiro
- Dirección Gonçalo Guerreiro
- Escenografía Gonçalo Guerreiro
- Iluminación Nacho Martín
- Son Manuel Fonte
- Vestiario Carolina Díguele
- Música Manuel Fonte
- Elenco María Torres e Mario Rodríguez
A compañía
Elefante Elegante busca unha linguaxe artística plástica e poética, combinando teatro físico, danza, música e artes visuais. Explora temas sociais e existenciais a través da relación corpo-espazo, cunha investigación detallada de xestos e movementos. Os espectáculos destacan pola interacción dos intérpretes coa escenografía e a narrativa variada entre abstracción e trama teatral.
Fundada en 2000 por María Torres e Gonçalo Guerreiro, a compañía estableceuse en Galicia en 2007, con sede en Culleredo, e vén sendo recoñecida con premios María Casares desde o ano 2013.