Salón Teatro
Situado na zona histórica de Santiago de Compostela, o Salón Teatro foi reinaugurado en 1999 tras unha intervención arquitectónica que permitiu recuperar para a escena este espazo do ano 1920, despois de dúas décadas sen representacións. Xestionado na actualidade pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Agadic, o teatro acolle a exhibición en Compostela de todas as producións do Centro Dramático Galego —que ten aquí a súa sede—, ademais dunha programación aberta ás distintas disciplinas escénicas, á música e ao cinema. A súa capacidade é de 272 butacas.