Eu, Fraude!
Paula Pier
Eu, Fraude! é un espectáculo que fala da posibilidade de agarrarse forte á vida e de berrarlle ao mundo coa voz do noso propio ser. Abro o corazón e as entrañas e deixo que asomes a cabeza pola ventaíña da miña alma. Recito, bailo, conto e canto as miñas dores, as miñas alegrías, as miñas luces e as miñas máis témeras sombras.
Hoxe estamos aquí para facerlle un canto á vida. Cancións e textos de composición propia que nos impulsan, en forma de viaxe emocional, a liberarnos das caretas autoimpostas pola sociedade que nos separan de nós mesmas e das demais.
É, sen dúbida, unha historia de amor propio en forma de festa!
- A partir de 12 anos
- Teatro, música, poesía e festa
- 75 minutos
- Autoría Paula Pier
- Dirección Paula Pier
- Escenografía Visualiza e Paula Pier
- Iluminación Laura Iturralde e As Dúas e Punto
- Son Lara Álvarez
- Vestiario Paloma Saavedra
- Música Paula Pier, Chus López, Sandra Pérez e María Velasco
- Elenco Paula Pier, Chus López, Sandra Pérez e María Velasco
A compañía
Despois de traballar en varios proxectos teatrais con outras compañías galegas, Paula Pier estrea o seu primeiro espectáculo de creación propia. Despois de cantar en vodas, bautizos e comuñóns familiares, estudar arte dramática e facer un máster en teatro musical, Paula Pier comeza a súa andaina neste mundo tan irremediablemente electrizante escribindo en cadernos xa usados e dándolles forma de espectáculo á súa poesía, teatro e canción, e atopando no lugar de encontro a súa linguaxe artística propia.
Despois de todo e antes de nada, Paula Pier nace o 3 de decembro de 1991 coa necesidade de comunicar e de darlle a volta a aquilo de “mamá, quero ser artista” cun “mamá, creo que son artista”.