É difícil fotografar o baleiro
Colectivo D'Elas
É difícil fotografar o baleiro é unha aposta por atopar se existe algo máis aló do corpo. É un cuestionamento poético da verdade, do centro, da transcendencia. Nunha viaxe entre os cantos eclesiásticos e a música techno de LLXNTO e Bruno Baw, as bailarinas móstrannos corpos virtuosos pero humanos, con capacidades extraordinarias, pero coas limitacións de seren mortais. Unha tentativa de habitar un corpo cru, doente, limitante, pero un corpo capaz de amar, sacrificar ou soñar máis aló. Unha falta de identificación, unha colectividade a partir do único que queda, o corpo. Unha busca do baleiro como centro de todas as cousas.
Espectáculo subvencionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais
Co apoio na cesión de espazo de Peripecia Teatro (Vila Real, Portugal), O Ruiseñor Teatro (Culleredo), Concello de Culleredo, Sala Gurugú e Concello de Ferrol
- Todos os públicos
- Danza
- 60 minutos
- Dirección Julia Laport
- Creación Colectivo D'Elas
- Iluminación Nacho Martín
- Vestiario Elise Abella e Yago Valverde
- Música Bruno Baw e LLXNTO
- Produción executiva Julia Laport e Myriam González
- Produce Colectivo D'Elas
- Interpretación Andrea Castro, Eloi Garcia, Iria Casal, Martín Sanjurjo, Myriam González e Noelia Mato
A compañía
D'Elas é un colectivo de danza integrado por dez artistas emerxentes de Galicia. Xúntanse en setembro de 2020 pola necesidade de desenvolver a través da colectividade e de levar as linguaxes das danzas urbanas á escena. D'Elas representa a resistencia. Nun contexto social e cultural onde xuntar un grupo tan grande de artistas nun proxecto profesional resulta case utópico, este colectivo atopa a súa potencialidade na unión e na forza conxunta.
En agosto de 2021 estrean Occo, dirixida por Julia Laport e Sabela Domínguez. Nesta nova produción, É difícil fotografar o baleiro, Julia Laport leva a dirección de seis intérpretes, todas elas con formación en danzas urbanas, club e contemporánea.