A Feira
Galicia Escena PRO é a feira de artes escénicas promovida desde a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia e organizada en colaboración coa asociación profesional Escena Galega, que reúne en Santiago de Compostela axentes do sector co obxectivo de estimular a contratación dos espectáculos de produción galega e impulsar a súa proxección social dentro e fóra da Comunidade.
Desde a súa creación en 2013, Galicia Escena PRO congregou miles de profesionais das artes escénicas, facilitándolles un espazo para coñecer en profundidade as dinámicas culturais do país e establecer relacións sólidas e efectivas, contribuíndo ao impulso e crecemento deste eido cultural e do tecido creativo, produtivo e de xestión que o vertebra.
A feira articúlase como un completo escaparate de espectáculos e de posibilidades de encontro profesional, onde se presentan as últimas creacións de teatro, danza, novo circo e maxia, en diferentes escenarios e espazos ao aire libre da capital de Galicia. Cada función é, en definitiva, unha ponte entre o ámbito da produción e o da programación cultural, que conecta os axentes implicados nos procesos de creación, distribución e exhibición con representantes de teatros, salas e auditorios públicos e privados, así como responsables de feiras, festivais, circuítos e mostras, tanto de Galicia como do resto de España e Portugal.
Deste xeito, Galicia Escena PRO consolídase como plataforma relevante dentro da política do Goberno galego destinada ao apoio á distribución dos produtos escénicos galegos, ao tempo que dirixe unha mirada atenta ás demandas sectoriais que se traduce en actividades orientadas á reflexión, á formación e ao encontro humano de xeito pausado.
Ademais das actividades estritamente profesionais, a feira abre as portas da meirande parte da carteleira de espectáculos tamén ao público xeral, como parte dunha dobre estratexia que permite, por unha banda, coñecer as reaccións da audiencia, e por outra, crear e consolidar públicos no ámbito das artes escénicas.
A difusión dos espectáculos e proxectos galegos seleccionados en cada edición é outro dos eixos centrais de Galicia Escena PRO. A listaxe resultante conxuga compañías de longa traxectoria no panorama galego con formacións emerxentes, así como espectáculos de distintas disciplinas e temáticas, con variedade de formatos tanto para o público adulto como para o familiar, que se atopan na primeira fase do seu percorrido polos escenarios.
Os nosos obxectivos:
- Estimular a contratación
- Apoiar a creación escénica actual
- Servir de foro de encontro
- Promover intercambios artísticos
- Crear sinerxías de traballo
- Abrir e consolidar mercados
- Ser o grande escaparate galego das artes escénicas
Os nosos valores:
- Compromiso
- Proxección
- Visibilidade
- Cooperación
- Vangarda