Proxectos en formato pitching
-
LUNS 6 / CENTRO OBRA SOCIAL ABANCA / 13.30 H
Esas cousas marabillosas
Empatía Teatro
Nomeada como “obra do ano” por The Guardian, esgotou entradas tres anos consecutivos no Festival de Edimburgo e foi representada en Londres, Nova York, Bruxelas, San Xoán de Porto Rico, Maryland, Oregón e Canadá. Éxito rotundo tamén en Madrid e Barcelona, interpretada por Brais Efe, Inma Cuevas, Leticia Dolera e Pau Roca.
En Esas cousas marabillosas cóntanse tres décadas da vida do protagonista, que comezan cando a nai ingresa no hospital. O rapaz, de sete anos daquela, comeza a facer unha lista de todo o que é marabilloso no mundo.
É unha peza participativa, tenra, emocionante e divertida.
É unha comedia que fala sobre a saúde mental, a depresión e o suicidio.
É unha obra que che pode cambiar a vida… e para ben.ContactoElisardo de la Cruz García
672 281 928
info@empatiateatro.com
www.empatiateatro.com -
LUNS 6 / CENTRO OBRA SOCIAL ABANCA / 13.30 H
Hai quen escolle os camiños máis longos
Berrobambán e Ponto de Fuga
No palco, catro camiños e tres actrices. Os camiños poden levarnos ao norte, ao sur, ao leste ou ao oeste, sempre ao bosque. As actrices teñen un pasado común, un pasado no que as persoas vivían ligadas á terra, un tempo antigo do que quedan retallos de lembranzas, pero que non se pode esquecer porque forma parte de nós. E iso é o que elas perseguen, saber de onde veñen para poder escoller cara a onde ir, que medo afrontar: o da vellez, o da fame, o da enfermidade ou o da morte. Nos contos tradicionais, eses medos represéntanse a través de bruxas, lobos, feitizos ou maldicións e esconxúranse coa música das palabras, con ritos e danzas. Nos contos devólveselle o seu poder á poesía. Tamén no teatro recuperamos a memoria perdida.
ContactoÁngela Vila – Urdime, S.C.G.
981 937 424 / 698 132 935
distribucion@urdime.net
https://www.berrobamban.com/caminhos
https://www.urdime.net/berrobambanDescargas 1 -
LUNS 6 / CENTRO OBRA SOCIAL ABANCA / 13.30 H
Papaguena
ButacaZero
Papaguena é unha ópera electrónica de pequeno formato a partir da figura da personaxe homónima de A frauta máxica de Wolfgang Amadeus Mozart. Unha produción para analizar e reescribir esta personaxe dende unha mirada actual e baseándose nun dos maiores procesos de avance político-social dos últimos tempos: a loita contra o sexismo.
Unha soprano (Esperanza Mara), un barítono (Jacobo Rubianes Castelo) e un músico en escena (o propio compositor da ópera, Iago Hermo) serán os piares desta peza deseñada para chegar tanto aos grandes teatros como a aqueles espazos e vilas onde a ópera, quizais, nunca chegou.
E, por suposto, en galego.
ContactoEsther F. Carrodeguas
629 694 432
carrodeguas.butacazero@gmail.com
butacazero.net -
LUNS 6 / CENTRO OBRA SOCIAL ABANCA / 13.30 H
Pirolíticos
Producións Teatrais Excéntricas-Mofa & Befa
Para celebrar o seu 30 aniversario, Mofa & Befa convidan a Clara Gayo na dirección e a Lucía Aldao e María Lado na dramaturxia do seu novo proxecto: Pirolíticos, unha farsa feminista sobre as novas masculinidades de sempre, onde se ofrece unha “Guía rápida para unha correcta pirólise”, destinada aos homes asistentes. Fieis, como é habitual, a ese impulso didáctico que sempre os caracterizou, Mofa & Befa tratan de achegar unha serie de claves para animar os presentes a iniciar esa necesaria revisión que trae da man o feminismo.
Apta para todos os espazos e auditorios e, coma sempre, con música en directo, esta chusca reflexión sobre o patriarcado busca crear complicidades co público, sobre todo o feminino.
ContactoRubén G. Pedrero
618 752 105
ruben.excentricas@gmail.com
www.excentricas.net -
MARTES 7 / CENTRO OBRA SOCIAL ABANCA / 13 H
A Barca do Inferno
Moving Compass
Estimado ser humano:
Estamos no alén-mundo. Énos moi grato dirixirnos a vostede, por instrucións das deidades mariñas, para estenderlle unha formal invitación a participar como xurado civil neste xuízo final aos habitantes da auga.
Os defuntos comparecerán por delitos acuáticos durante a súa estancia en vida. Pobres criaturas, acusadas por ser impuras e beber petróleo, por ser tentadas a comer plástico, por preguizosas e deixarse pescar e mutilar sen resistirse nin o máis mínimo.
A audiencia resolverá a favor de que estes pasen ao máis alá en augas celestiais ou, polo contrario, sexan condenados á toxicidade das profundidades infernais.
Agardamos a súa resposta e agradecémoslle de antemán facer posible este agradable paseo en barca.
Coprodución co Centro Dramático Galego-Agadic e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
ContactoRafael Rey Domech
630 416 898
movingcompass.theatre@gmail.com
www.movingcompasstheatre.com -
MARTES 7 / CENTRO OBRA SOCIAL ABANCA / 13 H
MULTIPERSPECTIVAS #2
Paula Quintas Cía.
MULTIPERSPECTIVAS #2 é un espectáculo de investigación teórico-práctica, onde o eixe principal é o corpo e a instalación no espazo de estruturas de arame, coa integración do público como experiencia inmersiva e lúdica.
Dous corpos en escena e o dispositivo da instalación levan o peso do proxecto, que está enmarcado nunha tese de doutoramento da Universidade de Vigo, que ten como eixe principal de investigación os límites e confluencias entre a danza e o circo no século XIX.
ContactoPaula Quintas
669 258 384
info.paulaquintas@gmail.com
www.paulaquintas.comDescargas 1 -
MARTES 7 / CENTRO OBRA SOCIAL ABANCA / 13 H
PYKA
Cinema Sticado
PYKA, que en ruso significa brazo, é a historia e o remake dunha película desaparecida, da cal só queda un documento sonoro e o seu título. O punto de partida é un relato familiar de Helena Varela, que sitúa a súa avoa Gelines como única testemuña dunha película de animación que fixo unha tal Olga Lebèdev na Rusia stalinista, en colaboración co director de cine Sergei Eisenstein.
PYKA é tamén un conto sobre as relacións humanas, sobre o amor e a loita por querer acadar algo tan prezado como a liberdade.
ContactoHelena Varela
646 398 035
varelabarriohelena@yahoo.es
http://cinemasticado.com -
MARTES 7 / CENTRO OBRA SOCIAL ABANCA / 13 H
Sofá
Marta Alonso Tejada
Este espectáculo fala dunha parella e do seu sofá. A parella son Marta e Pablo, dúas persoas normais.
O sofá é o lugar onde descansan e esquecen o que está fóra, o mundo: traballo mal remunerado, guerra, ameazas nucleares, catástrofes ecolóxicas, virus asasinos, normas arbitrarias, pobreza, esgotamento.
Pablo e Marta están enfermos; enfermos de cansazo e aburrimento, pero téñense unha ao outro; teñen un sofá e saben bailar. Non todo está perdido.
Traballando a través do contacto físico e emocional, grazas á singular percepción do movemento da Compañía Sharon Fridman, Sofá é unha aposta pola linguaxe do tacto, a beleza do particular e a capacidade do baile para elevar o cotián ao sublime.
Unha proposta de danza e humor a dúo para rúa, espazos non convencionais e teatros.
ContactoMarta Alonso Tejada
658 78 25 64 / 610 10 68 08
martaalonsotejada@gmail.com
lilian.danza.g@gmail.com
www.martaalonsotejeda.com -
XOVES 9 / CENTRO OBRA SOCIAL ABANCA / 13 H
30 anos cantando con Migallas
Migallas
Migallas Teatro celebra os 30 anos facendo e “cantando” música infantil en galego cun divertido e variado concerto para público familiar. Nesta ocasión, conta con músicos de recoñecido prestixio e traxectoria como Xaquín Xesteira e Anxo Xesteira, de Treixadura, e Borja García e Isi Baúlo, que acompañan a María Campos e a Carlos Yus no escenario. No concerto interprétanse temas dos discos Canta connosco! e Pan de millo. Cancións tan coñecidas como Pan de millo, O rap da lingua, Miña Abuela Manuela, O esqueleto ou O libro máxico, coas que medraron varias xeracións, farán gozar de novo a nais e pais que as cantaron na súa infancia e aos nenos e ás nenas de agora.
ContactoCarlos Yus
618 813 071
migallas@migallas.gal
https://migallas.gal/
https://migallas.gal/30-anos-cantando-con-migallas/ -
XOVES 9 / CENTRO OBRA SOCIAL ABANCA / 13 H
Cinecleta
O Señor Lili
Cinecleta é un proxecto de recuperación e exhibición de películas de cinema doméstico en formato 8 mm, Super 8 e 16 mm, filmadas por afeccionados e cineastas amateurs galegos no século pasado. A particularidade é que son proxectadas desde unha antiga bicicleta de repartición de leite reconvertida agora nun “cinema”.
A Cinecleta pedalea polo país adiante á procura dun material inédito que atopa en domicilios particulares, rastros, anticuarios e tendas de segunda man. As proxeccións alternan narración descritiva en vivo das imaxes e banda sonora e exhíbense no seu formato orixinal en proxectores da época.
As películas son toleradas para todos os públicos e están pensadas para levarse a cabo tanto ao aire libre como en espazos públicos interiores (centros cívicos, auditorios, museos etc.).
ContactoJosé Francisco Saavedra López-Sancho (Music Arte Rey Saavedra)
629 357 984
musicarte.rs@gmail.com
http://lilicleta.com/
http://gz.lilicleta.com/category/cinecleta/ -
XOVES 9 / CENTRO OBRA SOCIAL ABANCA / 13 H
Ninja
Teatro Ghazafelhos
Amelia é unha nena que vive e vai á escola no rural galego. A Amelia encántanlle a cultura oriental, o karate, o kung fu, o jiu- jitsu, as películas de Bruce Lee, Jackie Chan e soña con ser ninja. Adéstrase todos os días para pasar inadvertida e observar os demais como unha auténtica ninja. Grazas a esa condición, descobre que no cole hai nenos e nenas que tamén queren pasar inadvertidos, pero non para ser ninjas, senón para que outros nenos e nenas non abusen deles. Coa axuda de Amelia e o señor Edelmiro, un velliño ao que Amelia acode á busca de consello, conseguirán que os nenos invisibles se fagan visibles e cambiar as tornas na escola.
Ninja é unha obra coa que abordamos o acoso nas escolas a través dunha historia divertida e chea de reflexións sobre a tolerancia, o respecto e a diversidade, coa que queremos amosar que un dos pasos máis importantes para resolver un problema é facelo visible.
ContactoÁngela Vila – Urdime, S.C.G.
981 937 424 / 698 132 935
distribucion@urdime.net
https://urdime.gal/project/teatro-ghazafelhos/Descargas 1 -
XOVES 9 / CENTRO OBRA SOCIAL ABANCA / 13 H
ULTREIA Ao final do camiño estás ti
Mago Teto
ULTREIA, dirixido por José Prieto, é un espectáculo multidisciplinario no que se combina a maxia, a música e a danza. Percorrendo un camiño máxico que simboliza todos os camiños exteriores e interiores do ser humano, Teto fará unha viaxe a través de aparicións, desaparicións, predicións, levitacións, transformacións e moitos máis efectos máxicos que transportarán o público a unha realidade onde todo é posible menos perder a ilusión.
Neste traxecto, Teto viaxará con tres bailarinas: María Roja, Xiana Vilas e Lupe Carballo, que o acompañarán en todas as súas aventuras e desventuras, e contará en todo momento coa axuda imprescindible da música, composta especialmente para este espectáculo por Andrés Álvarez.
ContactoHéctor Guerra
607 384 027
maxia@magoteto.com
www.magoteto.com
Mesas
-
MARTES 7 / CENTRO OBRA SOCIAL ABANCA / 13 H
ARTES ESCÉNICAS E EDUCACIÓN
Os protocolos COVID fixeron que as actividades culturais para escolares, dentro ou fóra dos centros, desapareceran practicamente nos últimos anos. É necesario impulsar accións que axuden a reverter esta dinámica.
No século XXI, os estudos relacionados coa neurociencia, concretamente os que teñen que ver coa neuroeducación, revelan que as aprendizaxes profundas e significativas se producen cando a motivación e a emoción participan neste proceso. Se temos ao noso alcance unha ferramenta tan poderosa como é a arte en xeral, na que podemos combinar factores como a atención, a motivación e a emoción, por que non utilizala?
No caso das artes escénicas, pódese evocar calquera realidade da vida, podendo traballar calquera concepto, contido ou actitude do currículo educativo. Na actividade escénica, a atención e a motivación xogan un papel fundamental. A atención é a canle de entrada para a motivación, polo tanto, todas as actividades que xeren atención crearán interese naquilo que se expoña.
As actividades escénicas dentro dos currículos escolares non só ofrecen a posibilidade de achegarse aos diferentes contidos dende un prisma diferente. En realidade, o feito dramático e a narrativa emocional permítennos reflexionar sobre a identificación e a liberación de sentimentos para aprender a identificalos. A educación emocional é cada vez máis necesaria nunha formación global do individuo.
INTERVEÑEN:
Noelia Fernández, vicepresidenta da Asociación Te Veo, de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud e directora de Escena Miriñaque, en representación do Circuíto Estatal de Artes Escénicas para Audiencias Escolares-Audaces.
Luciano M. Fernández, director do Padroado de Cultura de Narón, en representación da Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil para escolares-MOTIX.
Marián Osácar, directora artística da Feria Europea de Teatro para Niños y Niñas-FETÉN.
Eulàlia Ribera, directora do Festival elPetit-Festival Internacional d´Arts per a la primera infància e de laSala-Centre de Creació d´Arts per a les famílies, Sabadell.
Modera: Laura Sarasola, de Caramuxo Teatro.
-
XOVES 9 / CENTRO OBRA SOCIAL ABANCA / 13 H
RESIDENCIAS ARTÍSTICAS E COMPAÑÍAS EN RESIDENCIA
Como apunta Idoia Jauregi, xornalista de Radio Euskadi, en Informe Distrito, as residencias artísticas son programas que lles ofrecen aos artistas e outros profesionais creativos tempo, espazo e recursos para traballaren, individual ou colectivamente, en ámbitos vinculados á súa práctica artística. Estes programas facilitan o desenvolvemento profesional dos artistas, xeran beneficios económicos e promoven o desenvolvemento cultural (para o artista, a entidade que organiza, a rexión), a aprendizaxe e a capacitación organizativa tanto para o anfitrión coma para a comunidade, así como o aumento da reputación da cidade ou rexión onde se aloxa.
Esta mesa pon o foco na situación e o obxectivo das residencias artísticas como estrutura que leva a cabo unha serie de accións que faciliten o crecemento das compañías. As residencias acollen creadores e creadoras e convídaos a cuestionarse as súas propias ideas. Son, por tanto, un apoio en forma de tempo, espazo e recursos para desenvolver un proxecto concreto e limitado no tempo ou estendido en varios anos para un desenvolvemento máis profundo, maior eficacia e óptima produtividade na creación contemporánea. A residencia como proceso, a importancia do proceso e as condicións dese proceso.
Cómpre agora falar de futuro, de como mellorar o proceso, os encontros, as condicións de traballo; das opcións que se abren neste sentido, de como se pode xerar tecido cultural e estabilidade de proxectos e compañías.
INTERVEÑEN:
Javier Casado, da área de apoio á creación de circo do Ateneu Popular 9 Barris.
Laura Kumin, directora artística do Certamen Coreográfico de Madrid (socio do proxecto europeo Aerowaves).
Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego.
Caterina Varela, socia fundadora de Colectivo RPM e directora de Residencias Paraíso.
Modera: Hugo Pires, de Colectivo Glovo.