Galicia Escena PRO 2021

Galicia Escena PRO (GEP) será en 2021 máis profesional ca nunca.

O mercado galego de artes escénicas volve do 7 ao 10 de xuño para recuperar a súa posición como escaparate destacado na compra-venda de espectáculos e punto de encontro para todo o sector, seguindo co seu esquema de organización compartida entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega).

A última edición de GEP foi en 2019 e, desde entón, mudaron moitas cousas. O evento regresa dous anos despois co afán de darlles visibilidade ás propostas escénicas que viron a luz nos últimos dous anos, pero será con cambios no seu formato, modificacións que permitan aplicar estritamente os condicionamentos sanitarios pero que, ao tempo, faciliten e mesmo favorezan o noso obxectivo principal e irrenunciable:

intensificar o contacto profesional entre os creadores e as creadoras e as persoas mediadoras para levar as propostas artísticas ao público das principais carteleiras galegas.

Por este motivo, GEP 2021 adoptará un formato mixto e dirixirase unicamente aos representantes de entidades, compañías e programacións formalmente acreditados. Haberá funcións presenciais, un novo modelo de pitching, formación en liña e Zona PRO combinada con reunións físicas e virtuais.

Nestes catro días, só con profesionais en GEP e, durante todo o ano, con todos e todas nos escenarios e nos patios de butacas. Benvidos e benvidas a Galicia Escena PRO 2021!