Onde residen os obxectos?

Drop é un espectáculo de malabares, pero tamén, e sobre todo, Drop é un espectáculo de malabaristas. Persoas que desenvolven unha calidade especial para manter obxectos flotando no ar. Un xogo de nenos convertido nun xeito de vida.

Drop xoga, constantemente e máis que nunca, coa metáfora que compara os malabares coa vida. E lémbranos que, dalgún xeito, todas e todos somos grandes malabaristas.

Catro malabaristas e un pianista convídannos a vivir no mundo dos soños, no que ollamos patróns, coreografías de obxectos, debuxos no ar que non son outra cousa que os problemas e as tarefas do día a día de calquera de nós. E, durante unha hora, se non cae o mundo, farannos saír do chan e volver caer para lembrarnos que isto da vida non é máis que un xogo.

Pistacatro é a compañía e a produtora de circo máis relevante das Artes Vivas en Galicia. Distribúe as súas propias producións ou algunhas outras que nacen da matriz creativa do proxecto Circonove, así como aquelas que consideramos importantes baixo criterios de calidade e interese cultural. Un facilitador de profesionalización do circo na nosa terra, respectando os dereitos dos traballadores e artistas que dalgún xeito participan no noso proxecto.

Logo de máis de 15 anos dende a súa constitución oficial, no ano 2006, Pistacatro pretende continuar asentándose como a produtora decana das novas correntes circenses en Galicia, abrindo novos mercados e públicos.

Queremos ser un catalizador que permita a comunicación con outras persoas e proxectos para xerar cultura en coprodución ou en colaboración, manténdonos fieis á nosa complicidade co público.

Un mecano nas mans dos seus integrantes para compartir soños.

Contratación

Belém Brandido
627 778 351
distribucion@pistacatro.com
www.pistacatro.com

Mércores 9 Salón Teatro 18 h

Autoría: Pistacatro / Pablo Reboleiro
Dirección: Pablo Reboleiro
Adaptación: Pablo Reboleiro e Diego Anido
Escenografía: Belém Brandido e Pablo Reboleiro
Construción: José Perozo
Iluminación: Octavio Más
Son: Nacho Muñoz
Vestiario: Uxía Vaello
Música: Nacho Muñoz
Elenco: Aitor Garuz, Santiago Montero, Guillermo Porta e Pablo Reboleiro

Espectáculo subvencionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais-Agadic

A partir de 10 anos
Circo-teatro
65 minutos

Descargas Enlaces

Facebook
Instagram