Deixa de tocala, Sam AveLina Pérez & Velpister
martes 11 Fundación SGAE Sala Germán Coppini, 12.30 h

Deixa de tocala, Sam é unha proposta incompleta. Un xogo coa indeterminación. Un xeito de sinalar o fastío. O punto de partida desta creación ten lugar hoxe, agora, cando os referentes se esnaquizan contra o chan, nun golpe seco, e os varredores do lixo recollen o lixo nas bolsas para o lixo. Cando o príncipe de Dinamarca xa non nos salva.

Desde a pregunta, coa presenza dun humor acedo, mesturando momentos de intimidade con outros de grande intensidade, a peza percorre unha paisaxe humana e recoñecible, un cuestionamento escénico acerca do poder e do brillo.

Hamlet, Deus, Billy el Niño, a muller co dente de ouro que lles bota pan aos peixes da praza, o rei, a actriz, o pianista… Todos compoñen esta paisaxe teatral e musical que procura un encontro de incertezas, unha protesta absurda e inútil e –paradoxalmente– celebra o feito da vida.

Dramaturxia: AveLina Pérez
Dirección escénica: AveLina Pérez
Dirección musical: Velpister
Iluminación: Daniel Casquero
Elenco: Avelina Pérez, actriz, e Velpister, piano en directo

Adulto
Teatro
55 minutos

Este é o primeiro encontro entre AveLina Pérez –creadora escénica– e Velpister –artista multidisciplinar-. Ela é directora, dramaturga e actriz das pezas Os cans non comprenden a Kandinsky, A que non podes dicir cocacola ou Gañaremos o pan coa suor da túa fronte, entre outras. Ten recibido varios premios de escrita dramática e está vinculada co teatro social. El é compositor das pezas Cola para genocidio, Ancestral e Obsesiones, tormentos y un vals, ademais de ter editado varios libros de poemas e crear o Musicoplastidrama, espectáculo no que mestura disciplinas.

Nesta proposta procuran un diálogo entre os seus mundos individuais e os intereses compartidos, entre a música e o teatro, entre os lugares alumados polo foco e os que están á sombra. O resultado: unha linguaxe común e disconforme.

Contratación

Avelina Pérez Pérez
637 756 146
avelinaperezteatro@gmail.com
www.avelinaperez.com