Sinopse

Múltiple é o novo espectáculo de Antón Coucheiro, un solo de impro onde o protagonista se desdobra e dialoga cos seus alter ego. Somos só unha persoa, ou a nosa personalidade está habitada por múltiples personaxes?

A través dunha terapia de soños, e das propostas do público, iranse desfiando as historias improvisadas nas que os espectadores descubrirán que nun só corpo caben millóns de universos.

Un espectáculo cómico, participativo, improvisado, estreado en Bogotá en xuño de 2015 no marco do festival TIMBO, e que participou no FIOT (Carballo), Chaskij Fest (Perú) e se realizou en Unitaria (Compostela), Teatro Asura (Madrid) e La Casa de la Maldita Vanidad (Bogotá).

Ficha técnica Todos os públicos / Teatro de improvisación / 60 minutos

Idea orixinal, interpretación e dirección: Antón Coucheiro
Son: Alfonso Medina
Asesoramento e training: Beto Urrea e Omar Galván
Elenco: Antón Coucheiro e Alfonso Medina


Antón Coucheiro

Antón Coucheiro é actor, director,  guionista e pallaso. Traballou con compañías galegas coma Chévere, Matarile, Factoría ou Pista Catro (da que foi fundador), así como co Centro Dramático Galego e compañías estranxeiras como Popovici, da República Checa, e Deborah Colker, de Brasil. Coa súa compañía Arrepentimentos de Padrón gañou o Festiclown en 2002. Cos seus unipersonais de rúa e espectáculos de teatro presentouse en Portugal, Mozambique, Brasil, Colombia, Perú, India, República Checa, Polonia, Cuba, Alemaña, Irlanda e EE.UU. Tamén é director de varias curtametraxes (Katiuska, Carreiras secretas, premiada no Festival de Cans de 2007). E traballou como guionista en varias series de televisión. Paralelamente desenvolveu o seu traballo como profesor impartindo cursos de clown e de improvisación. Fundou a compañía The Momento Impro e a casa de microteatro A Regadeira de Adela. Actualmente produce e distribúe os seus espectáculos Psicópata (teatro), SMART (clown), Múltiple (impro) e Cigânì (rúa).