Sinopse

Hai xente que fala por falar. Outros falan polos cóbados. Algúns falan os sete falares. E non son poucos os que falan do xato e se esquecen do trato. Porque prefiren falar dos biosbardos, das nubes ou do sexo dos anxos antes que ir ao conto. Soltar unhas parrafadas -mesturando o allo co bugallo e sen querer quitarlle lobos ao asunto- é unha arte que, se se manexa ben, dá xenio escoitar. En definitiva, que o falar non ten cancelas, sobre todo nun lugar en que cada palabra conta, ás veces por dous, no que o duplo significado abrolla en cada xiro da lingua e a retranca fai rimar humor con historia cada vez que alguén abre a boca.

Somos un pobo de contos, de lendas, de relatos. Sabemos falar. E cando falamos, falamos ben. Porque temos, igual que acontece coa choiva, mil e unha maneiras de describir as nosas formas de conversar. E porque contamos con artistas que, como Pedro Brandariz, Isabel Risco e Fran Rei, fan de cada palabra un espectáculo. Coa certeza de que vivimos nun país de historias e co espírito da retranca tatuado na pel, este trío de artistas une os seus talentos para crear o formato de Falar sen cancelas, unha auténtica festa do humor.

Ficha técnica Adulto / Comedia / 75 minutos

Autoría: Avelino González, Diego Rey, Fran Rey, Isabel Risco e Pedro Brandariz
Dirección: Diego Rey
Escenografía: Culturactiva
Iluminación: Paula Castro
Son: Paula Castro
Vestiario: Isabel Risco e Elena Ferro
Elenco: Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei
Produción e distribución: Culturactiva


Culturactiva

Culturactiva SCG non só é unha distribuidora, senón que tamén traballa como compañía e produtora, tanto unindo diversas propostas artísticas en novos formatos e programacións, como creando novas producións e formatos, como achegando un completo programa de actividades ás rúas, prazas e teatros de todo o mundo.

En Falar Sen Cancelas Culturactiva produce un espectáculo con tres cómicos excepcionais como son Pedro Brandariz, Fran Rei e Isabel Risco, que farán de cada representación unha aventura diferente e única.


Contratación

Nacho Fungueiriño
981 582 836 / 600 304 613
info@culturactiva.org

www.culturactiva.org

Descargas