Sinopse

Nosa Señora das Nubes, escrita por Arístides Vargas, céntrase no encontro de dous personaxes expatriados nun espazo e tempo indeterminados. Por medio de lembranzas confusas e memorias fragmentadas os personaxes buscan recuperar as historias vividas na súa patria, a afastada Nosa Señora das Nubes. Un texto poético e cheo de humor que nos fai reflexionar sobre as ditaduras, as guerras, o exilio e o desarraigamento tan presentes no noso tempo.

Obra conmovedora, a peza gañadora de varios premios internacionais cóntanos a historia destes dous exiliados que se atopan e descobren a dor e a soidade polo afastamento da súa propia terra. Oscar e Bruna, dous personaxes que constantemente van alternando entre as memorias do pasado e o presente, comparten anécdotas da súa experiencia como exiliados; os seus soños, necesidades, frustracións, desexos, amores, esquecementos e relembranzas.

Unha obra que vai máis aló do exilio, que significa non só a perda dun país, senón do exilio da relixión, dos afectos, dos animais e ata de nós mesmos.

Nosa Señora das Nubes é un pobo que só existe na memoria dos expatriados, trazando un mapa da experiencia da diáspora como unha condición existencial de desarraigamento, neste caso inspirada pola historia do exilio latinoamericano.

No pobo da Nosa Señora das Nubes está presente o realismo máxico, o real e a poesía en acción…

Ficha técnica Adulto / Teatro / 75 minutos

Autoría: Arístides Vargas
Dirección: Celso Parada
Tradución: Celso Parada
Escenografía: Carlos Alonso
Iluminación: Pablo Costas e Celso Parada
Son: Pablo Costas
Vestiario: Carlos Alonso
Música: Pablo Costas
Elenco: josi Lage, Celso Parada, Mundo Villalustre e Pablo Costas


Teatro do Morcego

Compañía fundada en 1989 polo actor e director Celso Parada e Isabel Ávila. Mantén a súa actividade ininterrompida dende entón, recibindo premios como os Compostela por Misterio cómico e Doberman; María Casares por Lazariño de Tormes, e sendo finalista en varias ocasións. Realizou importantes montaxes como: O burgués fidalgo, de Molière; Os vellos non deben de namorarse, de Castelao; A Gran ilusión, de Eduardo de Filippo; Morte accidental dun anarquista, de Darío Fo, etc. Na compañía traballaron e traballan importantes actores galegos: Maxo Barjas, Luísa Merelas, Santi Prego, X. Estévez, X. Carlos Mosquera “Mos”, Carlos Blanco, Paco Campos, Miguel Varela, Mundo Villalustre, Gonzalo Uriarte, E. R. Cunha “Tatán”, Pepa Barreiro, Casilda García, Sonia Rúa, Salvador del Río, Miguel Pernas, Elina Luaces, Iolanda Muíño, etc.

En ano 2009 convértese en compañía residente do Concello de Narón pola súa longa traxectoria profesional e cunha produción estable.


Fotografía: Jacobo Gayo

Contratación

Celso Parada
696 416 401
celsoparada@mac.com
teatromorcego@gmail.com

Descargas