Sinopse

Un home que camiña sobre unha corda frouxa cunha maleta na man; un home que xoga mentres reflexiona sobre cantas formas hai de morrer. Que é mellor? Unha pistola? Unha navalla? Medicamentos?

El e ela atopábanse todos os días na rúa e namoraron debaixo dunha cerdeira en flor. A vida, porén, tiña outros plans para eles. Que facer cando desaparece a túa razón para vivir? Como atopar unha nova? Todos os días semellan iguais no almanaque. Un home cun nariz de pallaso e un cadaleito no ombreiro; un home que repasa as súas lembranzas sen saber se haberá algún día outras novas.

Coma e punto fala do amor e da perda, das ilusións e dos anhelos, nun diálogo constante co público que mostra sen pudor os resortes do teatro.

Ficha técnica Adulto / Teatro / 55 minutos

Autoría: Vincent Auzillon
Dirección e espazo sonoro: Fernando González
Tradución e adaptación: Jose Vaquero
Escenografía, iluminación e vestiario: Diego Valeiras
Deseño gráfico, vídeo e foto: Aitor Uve
Produción executiva: Javier Octavio de Toledo
Produción: Antagonista Teatro
Elenco: Jose Vaquero e Laura Míguez


Antagonista Teatro

Antagonista Teatro é unha compañía creada en 2015 por Jose Vaquero e Javier Octavio de Toledo, que xorde do seu desexo de levar a súa experiencia e inquedanzas teatrais ao terreo profesional. A posibilidade de construír un teatro persoal e libre de constricións é o motor que impulsa os primeiros pasos dunha compañía que desexa perdurar no ámbito teatral galego. Un traballo actoral construído a partir de nós mesmos e as nosas vivencias, así como unha linguaxe escénica, contemporánea e moi persoal, son os eixos dunha proposta que sintetiza todas as nosas ilusións. Defendemos a necesidade dun teatro que entreteña mentres incita aos espectadores a mirar ao seu arredor e reflexionar sobre o seu mundo. E para iso cremos que a mellor ferramenta é crear dende nós mesmos e as nosas vidas.

 

 


Contratación

Jose Vaquero
646 366 826
antagonistateatro@gmail.com

www.antagonistateatro.es
Facebook

Descargas