Sinopse

Resaca é un espectáculo multidisciplinar no que o teatro conversa coa poesía, a narración oral e a música en directo para tratar de recompoñer a historia da vida de Álex López, unha persoa común que dalgunha maneira resume e simboliza o sentir dunha xeración que continúa buscando o seu lugar nun mundo que se atopa en proceso constante de transformación e crise.

Resaca é o resultado dun traballo documental sobre a memoria familiar e afectiva de todos os membros de ilMaquinario Teatro a través da súa relación cunha persoa recentemente desaparecida. A reflexión sobre a súa perda activa a necesidade de salvagardar a memoria común fronte a vertixe cotiá que nos empurra cara adiante sen ter en conta a importancia do pasado.

Resaca foi estreado en xaneiro de 2017 e ata agora foi programado en festivais como Escenas do Cambio (Galicia), Chantiers d´Europe (París), Tercera Setmana (Valencia) ou Reclam (Castellón), así como en DFeria (Euskadi).

Ficha técnica Adulto | Teatro | 70 minutos

Dramaturxia: Tito Asorey e Ana Carreira
Dirección: Tito Asorey
Axudantía de dirección: María Peinado
Escenografía: Laura Iturralde e Montse Piñeiro
Iluminación: José Antonio Faro “Coti”
Música orixinal: Vadim Yukhnevich
Vestiario: ilMaquinario Teatro
Textos: Tito Asorey, Ana Carreira, Melania Cruz, Fernando González, Fran Lareu, Álex López, Laura Míguez, María Peinado e Vadim Yukhnevich
Elenco: Melania Cruz, Fernando González, Fran Lareu, Laura Míguez e Vadim Yukhnevich


ilMaquinario Teatro

ilMaquinario Teatro é unha compañía creada no ano 2012 por Tito Asorey, Melania Cruz, Fran Lareu, Fernando González e Laura Míguez.

Tras o éxito de O Home Almofada (nominada a seis premios María Casares) e Perplexo (gañadora de cinco premios María Casares, nominada aos premios ADE e candidata aos premios Max como mellor espectáculo revelación), ilMaquinario Teatro leva interesándose desde o ano 2015 por un teatro baseado na propia biografía das persoas que conforman a compañía. Este proceso de documentación condúceos a compartir experiencias teatrais con creadores como Marco Canale, Marco Layera, o colectivo Lagartijas tiradas al Sol ou o director alemán Falk Richter. Con todos eles vaise conformando o desexo de construír un teatro que, lonxe de idear ficcións, se dirixa ao espectador utilizando outras canles máis achegadas ao feito documental e moi apegado á realidade na que vivimos. Resaca é o resultado desta procura.


Contratación

Carlos Martínez Carbonell
678 460 559
cmcarbonell@cremilo.es / ilmaquinarioteatro@gmail.com
Web1
Web2

Descargas