Sinopse

Con motivo dos dez anos do nacemento de Pistacatro, a emblemática compañía de Novo Circo Galego dá o seu mortal máis arriscado: Outono, un novo espectáculo no que reúne a parte dos seus fundadores para celebrar o máis difícil aínda: facerse maior.

Outono é unha homenaxe aos pallasos clásicos, contada a través dunha compañía de clowns en plena crise. Un espello no que se miran os artistas e os seus personaxes, unha carpa caída onde se suceden as estacións. Outono é un espectáculo de teatro-circo con música en directo que nos relata a viaxe nostálxica de catro artistas ao seu pasado, unha celebración da amizade e dos fracasos, unha reivindicación de ser idiotas, unha ollada poética ao antigo oficio dos pallasos. Un reencontro cheo de emocións, verdade e humor.

Ficha técnica Todos os públicos, a partir de 5 anos | Circo-Teatro | 70 minutos

Autoría: Pistacatro
Dirección: Antón Coucheiro
Adaptación: Antón Coucheiro
Apoio á dramaturxia: Marcos Carballido
Escenografía: Uxía Vaello
Iluminación: Javier Quintana
Son: Ghato
Vestiario: Uxía Vaello
Maquillaxe: Trini F. Silva
Música: Xabier Mera
Produción: Belém Brandido e José Expósito
Elenco: Aitor Garuz, Manu Lago, Natalia Outeiro “Pajarito” e Pablo Reboleiro


Pistacatro Productora de Soños

Pistacatro Productora de Soños S.L. é a compañía e produtora de circo máis relevante das artes vivas en Galicia. Distribúe as súas producións propias ou algunhas outras producións que nacen da matriz creativa do proxecto Circonove, así como aquelas propostas que consideramos importantes baixo criterios de calidade e interese cultural.

Logo de dez anos desde a súa constitución, Pistacatro pretende continuar asentándose como a produtora decana das novas correntes circenses en Galicia e desde Galicia para o mundo, abrindo novos mercados e públicos. Un facilitador de profesionalización do circo na nosa terra, respectando os dereitos dos traballadores e artistas que, dalgún xeito, participan do noso proxecto.

Queremos ser un catalizador que permita a comunicación con outras persoas e proxectos para xerar cultura en coprodución ou en colaboración, manténdonos fieis á nosa complicidade co público.

Un mecano nas mans dos seus integrantes para construír soños.


Contratación

Belém Brandido
627 778 351 / 981 937 819
distribucion@pistacatro.com
Web
Vídeo

Descargas