AGADIC Xunta de Galicia
Escenarios

Rúa Nova, 34

Situado na zona histórica de Santiago de Compostela, o Salón Teatro foi reinaugurado en 1999 tras unha intervención arquitectónica que permitiu recuperar para a escena este espazo do ano 1920, despois de dúas décadas sen representacións. Xestionado na actualidade pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Agadic, o teatro acolle a exhibición en Compostela de todas as producións do Centro Dramático Galego —que ten aquí a súa sede—, ademais dunha programación aberta ás distintas disciplinas escénicas, á música e ao cinema. A súa capacidade é de 272 butacas.

Rúa Nova, 21

Con capacidade para 434 espectadores, o Teatro Principal atópase na mesma zona monumental compostelá e ofrece unha variada programación xestionada directamente polo Concello de Santiago, que é o seu propietario. O edificio foi construído en 1842 a partir do deseño do arquitecto Manuel de Prado y Vallo. Mais no ano 1988 levouse a cabo unha importante reforma dirixida polos arquitectos Rafael Baltar, José A. Bartolomé, Carlos Almuiña e Gerardo Salvador.

Rúa das Salvadas, 2A

Este singular edificio deseñado por Antón García Abril foi inaugurado en marzo de 2008 e, como sede da SGAE Zona Noroeste, desprega unha carteleira consagrada ás artes escénicas, musicais e audiovisuais. Conta con dúas salas multiúsos con capacidade para 200 e 100 persoas, respectivamente, equipadas para o desenvolvemento de concertos, representacións teatrais, proxeccións cinematográficas, cursos, conferencias etc.

Rúa do Preguntoiro, 23

Inaugurado en setembro de 2011, ocupa o inmoble do Pazo de Ramirás e acolle un auditorio en dúas alturas cunha capacidade próxima ás 700 butacas. O novo recinto escénico da Fundación Abanca dotouse de todo o equipamento necesario para que nel teñan lugar as máis diversas manifestacións artísticas. A súa actual oferta cultural desenvolve unha programación xenérica orientada a públicos moi diferentes.